Friday 26 de April de 2024

A Pobra exhibe as inquedanzas pictóricas dun total de 14 artistas


Un total de 33 obras compoñen a mostra colectiva de pintura Inquedanzas III que alberga a casa da cultura Raquel Fernández Soler da Pobra do Caramiñal dende este 3 de xuño e ata finais do presente mes.

Destaca a heteroxeneidade dos cadros que conforman esta exposición; reflexo da creatividade única de cada unha das persoas artistas instruídas por Paola García: Ángela Campaña, Margot Fernández, Elena Moure, Elena Pazos, Josefa Seráns, Lola Seráns, Loida Moreno, Carmela Fernández, Dolores Mariño, Carmen González, Antonio Muñiz, Encarnita González, Ángeles Abalo e Pura Nin. Variedade de temáticas e técnicas, con predominio do óleo, que trasladan a maneira de conta-la realidade destas creadoras, así como a súa dedicación e paixón polo mundo da arte. No acto inaugural, que contou co acompañamento musical da Escola de Música da Pobra, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), salientou a calidade dos lenzos e tamén tivo palabras de recordo para un dos artistas, falecido meses atrás, de quen se expoñen tres creacións.

O público pode achegarse a contempla-la mostra de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 horas.